lunes, 17 de diciembre de 2012

Horarios GRAPA GRAPA


O Liceo Mutante abrirá as súas portas os vindeiros 21 e 22 de decembro para celebrar o GRAPA GRAPA, as súas primeiras xornadas de autoedición. O evento nace coa intención de facer de Pontevedra o punto de encontro dunha mistura heteroxénea de artistas de diversa procedencia que teñen como denominador común a proximidade das súas propostas a unha ética do Faino Ti Mesmo, alonxada dos procesos e canles máis habituais e comerciais de edición e distribución.
Teñen sitio aquí, polo tanto, unha chea de publicacións que -por arriscadas, kamikazes, honestas, absurdas, extremas e refrescantes- non o teñen nin aspiran a telo en ningún dos mausoleos culturais oficiais que agonizan ó longo da xeografía galega.
Dende Berlín, Barcelona, Tenerife, Madrid, Oporto, Asturias, A Coruña, Compostela, Vigo e Ourense viaxarán esta semana rumbo a Pontevedra un amplo grupo de debuxantes, ilustradores, músicos, poetas e pintores coa intención de compartir cos asistentes os seus fanzines, libros de artista, discos, tebeos, serigrafías e marabillas diversas.

Lamentamos profundamente as baixas que se foron producindo dende a primeira confirmación. Os motivos de todas elas foron totalmente alleos ós artistas en cuestión.

ACTIVIDADES
- Mercado de fanzines e material D.I.Y.: aberto sen interrupción durante as xornadas.
- Pintura mural: coa presenza de, entre outros, Liqen (muralista galego internacionalmente recoñecido polos seus murales en Xapón, EE.UU., Ucraína, México...) e Tayone (un dos principais responsables de Amalgama, un dos proxectos culturais máis interesantes dos xurdidos en Galicia nos últimos anos). Traballarán nos muros do Liceo tamén durante as xornadas.
- Trazos do inframundo. Exposición colectiva efémera dos artistas participantes no Grapa Grapa. Só se poderá visitar durante as xornadas.

Venres 21
18.00 h. Apertura de portas.
19.00 h. Niedowierzanie. Performance deste artista e experimentador sonoro francés residente en Berlín.
20.00 h. Beautiful Losers. Proxección do documental de Aaron Rose e Joshua Leonard que trata a evolución e dilemas dun grupo de artistas dende os seus inicios vencellados á cultura DIY ata o seu recoñecemento popular e masivo, que os acaba por converter en elementos da cultura mainstream norteamericana e, por extensión, da cultura global.

Sábado 22
17.00 h. Apertura de portas.
18.30 h. Si un árbol cae en el medio del bosque y no hay nadie alrededor, ¿el árbol existe? Conferencia conxunta entre Néstor Delgado e Diego Vites. O primeiro, responsable de La Piscina Editorial, falará sobre as dificultades de organizar un proxecto cultural alternativo en Tenerife, lugar culturalmente periférico no que as propostas desas características apenas atopan saídas. O artista Diego Vites, pola súa parte, tratará a súa experiencia como parte do grupo FAC Peregrina, espazo artístico tamén independente e periférico ubicado en Compostela. A charla servirá como presentación do fanzine Diego Vites. Si un árbol cae en el medio del bosque y no hay nadie alrededor, ¿el árbol existe?, editado por La Piscina.
20.00 h. Aries. Ademáis de vir a presentar o seu fanzine Fase Lunar, realizado en colaboración con Natalia Umpiérrez, Isa Fernández vainos dar unha pequena sorpresa.
20.30 h. Atomizador. O responsable do exquisito e prolífico selo Afeite al Perro de do fanzine Haz ten tamén preparada unha pequena sorpresa.
22.00 h. Clausura. Sorteo da Gran Cesta de Nadal do Liceo Mutante. As rifas poderánse adquirir na barra do Liceo durante as xornadas.

PARTICIPANTES:
Afeite al Perro // Atomizador (Madrid)
Aries (Vigo)
Bea Lobo (Vigo / Berlín)
Berto Fojo (Pontevedra)
Bluf Fanzine (Galicia)
Carme Nogueira (Vigo)
Cosmonauta Tropical (A Coruña)
Doc Industries (Barcelona)
Pilar Marco (Barcelona)
ETT Comix //Jano (A Coruña)
David Tombilla (Nigrán, Pontevedra)
Fase Lunar // Isabel Fernández & Natalia Umpiérrez (Pontevedra / Vigo)
Firecream // Santiago Paredes & Begoña García-Alén (Galicia)
Fuck Comics // Sinónimos de Lucro // El Arca (Pontevedra)
Joni López // Carletti (Madrid / Asturias)
Kardos Bueu (Bueu, Pontevedra)
Lara González // Silbar al Palé // Vitamina C (Ourense)
Liqen (Cerdedo, Pontevedra)
La Piscina Editorial (Tenerife)
Marco Mendes // Diàrio Rasgado // A Mula (Oporto)
Migas Fanthing (Madrid)
No dejaré que salves este mundo (Vigo)
Olmo Cuña (Vigo / Berlín)
Orfidal Zine // Modo Shuffle // Nueva Escocia (Asturias)
NanVaz // El Raigal (Galicia / México)
Ratalia (Barcelona / Chile)
Tayone // Random Screener // Mierda (Vigo)
Tronquis (around the World)
Wasted Rita (Oporto)
Zulo Azul (Madrid)

Chingaste la Confianza! (Madrid)
Niedowierzanie (Francia / Berlín)



lunes, 10 de diciembre de 2012


No pasado mes de agosto, a Asociación Cultural Liceo Mutante de Pontevedra recibiu unha orde de cese de actividade musical por carecer da licenza pertinente.

Dende a Asociación puxemos tódolos medios legais ó noso alcance para intentar paralizar a execución da devandita orde e a consecución dunha licenza a cal nos permitise continuar coa nosa laboura desinteresada de fomento e libre intercambio cultural.

A resposta do concello foi a negativa a concesión da licenza á vez que nos animaron a continuar desempeñando a nosa función de divulgación cultural avisándonos, eso si, de non recibiren ningunha denuncia por ruidos ou similar xa que estabamos realizando a nosa actividade fora da legalidade e obligaríalles a actuar.

Sen mediar denuncia, a Policía Local de Pontevedra personouse no Local Social da Asociación, sito na rúa Rosalia de Castro, 100, con ánimo sancionador atendendo á citada orde do mes de agosto sin que mediara denuncia algunha por ruidos ou similares, o pasado sábado 24 de novembro, emitindo a correspondente denuncia.

Sen máis, este pasado sábado día 8 de decembro volveron a personarse no citado Local Social antes do comenzo do concerto programado para esa data coa firme intención de parar o evento, volvendo a facer acto de presencia durante a realización do mesmo, polo que nos vimos na obriga de suspendelo e de desaloxar a todo aquel que se atopaba no interior do local.

Entendemos que a nosa situación non é a desexable, e que coa lei na man non temos razón; pero tamén entendemos que a policía está a actuar de xeito persecutorio e interrompendo unha actividade sen ánimo de lucro, de libre intercambio cultural, respectuoso coa veciñanza e coa cidadanía da vila de Pontevedra.

Por este motivo, o Liceo Mutante anuncia ós seus socios que seguiremos loitando polo que consideramos xusto, polo que cremos unha necesidade cultural demandada por un amplo sector da sociedade; por iso seguiremos adiante ata conseguir regularizar a nosa situación.

Dende a Xunta Directiva comunicamos que estamos a traballar no asunto, e da vindeira Asamblea do xoves día 13 de decembro sairá o noso plan de actuación decidido, coma sempre, coa votación dos Soci@s.

Moitas gracias a todos polas vosas mostras de apoio.

Longa vida ó Liceo Mutante.





(Texto: Chechu Docampo)

jueves, 29 de noviembre de 2012

Concertos no GRAPA GRAPA

Desbordados pola ledicia, confirmamos a actuación dentro das actividades de GRAPA GRAPA de Aries e Atomizador, dúas das propostas musicais máis frescas dos días que nos tocou vivir. Admirámolos e querémolos!! Quen sube a aposta?


ATOMIZADOR from Lanzadera Films on Vimeo.

miércoles, 21 de noviembre de 2012

Fumata branca!

Aquí está a lista de participantes para o Grapa Grapa. Inclúense nela os artistas invitados que confirmaron asistencia. O proceso de selección resultou ser para nós bastante máis duro do agardado, de aí a tardanza. Agradecemos a todo quisqui as súas propostas, que superaron as nosas modestas previsións, e lembramos que os criterios de selección non deixan de ser algo do máis subxectivo. O último que quixeramos sería desanimar a ninguén. Grazas a todos, de corazón.

Afeite al Perro (Madrid)
Berto Fojo (Pontevedra)
Bluf Fanzine (Galicia)
Carme Nogueira // Javier Fdez. Pérez de Lis (Vigo)
Chingaste la Confianza! (Madrid)
Cosmonauta Tropical (A Coruña)
Doc Industries (Barcelona)
El Libro de las Hipótesis // Pilar Marco (Barcelona)
ETT Comix // Jano (A Coruña)
Fan de Baiona // David Tombilla (Nigrán, Pontevedra)
Fase Lunar // Isabel Fernández // Natalia Umpiérrez (Pontevedra / Vigo)
Firecream // Santiago Paredes // Begoña García-Alén (Galicia)
Fuck Comics // Sinónimos de Lucro // El Arca (Pontevedra)
Joni López // Carletti // Raquel Bravo (Madrid / Asturias)
Kardos Bueu (Bueu, Pontevedra)
Lara González // Silbar al Palé // Vitamina C (Ourense)
Liqen (Cerdedo, Pontevedra)
La Piscina Editorial (Canarias)
Marco Mendes // Diàrio Rasgado // A Mula (Oporto)
Migas Fanthing (Madrid)
No dejaré que salves este mundo (Vigo)
Olmo Cuña (Vigo / Berlín)
Orfidal Zine // Modo Shuffle // Nueva Escocia (Asturias)
Nano 4814 // Montaña Sagrada // Sicofonías Paganas (Vigo / Madrid)
NanVaz // El Raigal (Galicia / México)
Ratalia (Barcelona / Chile)
Tayone // Random Screener // Mierda (Vigo)
Tronquis (around the World)
Wasted Rita (Oporto)
Zulo Azul (Madrid)

Con todo, aínda nos quedan un par de ases na manga. Falta algún convidado por confirmar e o Liceo Mutante montará un postiño de distribución de material de xente que non puido vir.
Confirmaremos tamén prontiño os concertos e algunha que outra sorpresa máis.
Nos próximos días contactaremos cos seleccionados para irlle dando forma ó asunto.



jueves, 8 de noviembre de 2012

Nano 4814, representante de Montaña Sagrada no Grapa Grapa


Nano 4814 é dese tipo de persoas que sempre están metidas en proxectos incribles e a grande escala. Este artista galego afincado en Madrid, ademáis de expoñer na Tate Modern de Londres e de percorrer medio mundo co colectivo artístico Equipo Plástico do que é membro xunto con Nuria Mora, Sixe e máis Eltono, compaxina esta actividade artística frenética co deseño gráfico, a organización e promoción de concertos, a edición de pequenos fanzines, a creación e xestión dun selo discográfico... Este home non para! 

Nano 4814 no festival de arte urbana Desordes Creativas 2012. Foto: aiGi boGa 

Dentro desa acción esquizofrénica-mística-creativa vainos vir visitar ao Grapa Grapa como representante do colectivo madrileño Montaña Sagrada, tamén formado por Luciano Suárez e Rafa Suñén, traendo baixo o brazo un montón de fanzines molóns e discos da distri Sicofonías Paganas, tamén de Montaña Sagrada. Entre mans ten N-I-Q-U-E-L Press, o seu propio proxecto editorial que, se lle da tempo, tamén presentará no Liceo Mutante. Esperemos que si porque agora xa non pensamos noutra cousa... 

Carteis promocionais de festas Montaña Sagrada.                

Veña!, ademáis de Nano 4814 xa temos máis GRANDES confirmados que pouco a pouco iremos amosando pero recordade que aínda estades a tempo de vos inscribir na convocatoria para o Grapa Grapa, así que, se decidides recopilar todos eses debuxos esquecidos nun fanzine ou publicades calquera outro tipo de material, enviade un mail XA! a artes.liceomutante@gmail.com


I wanna be a travella (and a artist!)



Fai tempo falamos do noso ben querido Josh Santospirito e do seu riquiño debuxo en homenaxe o Liceo Mutante. Pois ben, xa hai unhas semanas que nos chegou o fanzine que fixo a raiz daquel caderno onde apuntaba tódalas vivenzas experimentadas na súa xira por Europa. O fanzine titúlase I wanna be a travella (and a artist!) e está cheo de divertidas anécdotas e boas vibracións. Desde aquí agradecer a Josh unha vez máis a súa amabilidade e dicirlle que o esperamos no Liceo Mutante cos brazos abertos. Se queredes saber máis sobre Josh, aquí vos deixo o seu blog: http://joshuasantospiritoart.com/


viernes, 19 de octubre de 2012

Convocatoria aberta para GRAPA GRAPA (I Xornadas Mutantes de Autoedición)


Plástica Mutante, o brazo gráfico-artístico do pontevedrés Liceo Mutante, comprácese en presentar e convocar as I Xornadas de Autoedición GRAPA GRAPA, a celebrar no mesmo lugar os días 21 e 22 de decembro de 2012.

Fainos especial ilusión organizar un evento destas características en Pontevedra, a nosa cidade, á que levamos xa un tempo tratando de insuflar algo de aire novo e esperanzador dende o Liceo.

O obxectivo das xornadas non é outro que facer da nosa casa e durante un par de días o punto de encontro do inframundo daquelas publicacións que, por kamikazes, absurdas, extremas, honestas, arriscadas e refrescantes, non verían xamáis a luz de non ser pola vontade férrea de quen se empeña en sacalas adiante por conta propia.

Dentro das actividades previstas están o clásico mercadiño de fanzines e derivados, as clásicas mesas redondas, as clásicas charlas, os clásicos obradoiros e os clásicos concertos. Todo moi fresco, iso si.

Así que con tal motivo invocámosvos, oh, tronados espíritus que debuxades, escribides, tocades, recortades e pegades, que volo guisades e volo comedes. Hai un sitio para vós na nosa reunión máxica e submundana. A nosa intención é a de darvos aloxamento a tantos coma nos sexa posible, tendo preferencia os que se despracen dende terras máis remotas. 

Para participar só tedes que nos escribir un mail antes do 15 de novembro a artes.liceomutante@gmail.com e adxuntar un PDF contándonos o que facedes, por que vos gustaría vir e que material traeriades. Acompañádeo, segundo a natureza dos vosos proxectos, de textos, imaxes ou calquera outro material que nos poida axudar a facérmonos unha idea o máis exacta posible do voso traballo. Non vos esquezades de indicar tamén a vosa procedencia.

Agardámosvos con ilusión.


Plástica Mutante, el brazo gráfico-artístico del pontevedrés Liceo Mutante, se complace en presentar y convocar las I Jornadas de Autoedición GRAPA GRAPA, a celebrar en el mismo lugar los días 21 y 22 de diciembre de 2012.

Nos hace especial ilusión organizar un evento de estas características en Pontevedra, nuestra ciudad, a la que llevamos ya un tiempo tratando de insuflar algo de aire nuevo y esperanzador desde el Liceo.

El objetivo de estas jornadas no es otro que hacer de nuestra casa y durante un par de días el punto de encuentro del inframundo de aquellas publicaciones que, por kamikazes, absurdas, extremas, honestas, arriesgadas y refrescantes, no verían jamás la luz de no ser por la voluntad férrea de quien se empeña en sacarlas adelante por cuenta propia.

Dentro de las actividades previstas están el clásico mercadillo de fanzines y derivados, las clásicas mesas redondas, las clásicas charlas, los clásicos talleres y los clásicos conciertos. Todo muy fresco, eso sí.

Así que con tal motivo os invocamos, oh, tronados espíritus que dibujáis, escribís, tocáis, recortáis y pegáis, que os lo guisáis y os lo coméis. Hay un sitio para vosotros en nuestra reunión mágica y submundana. Nuestra intención es la de daros alojamiento a tantos como nos sea posible, teniendo preferencia los que se desplacen desde tierras más remotas.

Para participar sólo tenéis que escribirnos un mail antes del 15 de noviembre artes.liceomutante@gmail.com y adjuntar un PDF contándonos lo que hacéis, por qué os gustaría venir y qué material traeríais, acompañado, según la naturaleza de vuestros proyectos, de textos, imágenes o cualquier otro material que nos ayude a tener una idea lo más exacta posible de vuestro trabajo. No os olvidéis de indicar vuestra procedencia.

Os esperamos con ilusión.




lunes, 17 de septiembre de 2012

Josh Santospirito


Hai unhas semanas o Liceo recibiu a visita de Joshua Santospirito, un artista australiano simpático coma un raio. En principio, Josh viña a presentar en directo o seu proxecto musical unipersoal, Drive West Today. Pero, como chegou ben cediño, tivo tempo de integrarse entre os mutantes que andaban por alí pasando a tarde: aprendeu moitos tacos, xogou ó pimpón e, sobre todo, debuxou un montón. No seu caderno/diario fora apuntando en formato tebeo todas as aventuras e desventuras do seu tour por Europa, cunha chea de debuxos de personaxes, paisaxes e situacións. Aínda que estivemos cheirando nel, non sabiamos do debuxo co que nos sorprendeu hoxe dende a súa web. O certo é que foi todo un pracer telo por aquí. Un tío dos que deixa pegada.

See you soon, Josh!

viernes, 3 de agosto de 2012

miércoles, 1 de agosto de 2012

Camisetas do Liceo Mutante

O pasado venres, coincidindo coa Festa I Aniversario, estreamos camisolas do Liceo Mutante. Os deseños son obra, por orde de aparición, de Natalia Umpiérrez e de Berto Fojo. 
O seu prezo é de 10€ e para conseguilas, de momento, teráste que pasar polo local do Liceo durante algunha das actividades (concertos, obradoiros, asembleas...). A nosa intención é non tardar moito en montar unha tendiña online para os que estades máis lonxe.



domingo, 29 de julio de 2012

Obradoiro Stop-Motion Mutante

Moi bos días a todos!
Estades diante doutra das extensións mutantes do Liceo, máis particularmente da que se ocupa da rama gráfico-plástica.
Pensaba facer un discurso de benvida, pero levo xa trinta minutos diante da pantalla escribindo e borrando frases que farían vomitar a unha cabuxa, así que o que vou facer é pasar a falar directamente do primeiro obradoiro organizado por esta nosa comisión e que se celebrou esta semana que ven de rematar.

O Obradoiro de Stop-Motion Mutante tiña como propósito unha achega ós fundamentos básicos desta tradicional técnica de animación. Para iso decidimos contar co tándem formado pola animadora e ilustradora Minia Regos e a fotógrafa Belén Veleiro, ás que agradecemos enormemente o seu esforzo e que deseñaron un curso baseado principalmente na experimentación, creando pequenas películas animadas coas distintas posibilidades que ofrece a técnica do cadro a cadro (pixilación, plastilina, recortes, xiz sobre parede, animación de obxectos varios...).

Quixeramos agradecer moi sinceramente ós alumnos tanto a súa participación como a súa positivísima actidude, as cales entendemos como un apoio a este tipo de propostas -non sempre fáciles de sacar adiante- e agardamos que poideran levar consigo unha experiencia positiva. Participaron Bene Riobó Villanueva, Juan Fernández Navazas, María López Chan, Natalia Fernández Umpiérrez, Ana Molares Frías, Andrea Gesteiro Otero e Denís Losada Pérez.

Por outra banda, necesitamos as vosas críticas para poder medrar desde a nosa inexperiencia, así que xa sabedes...
ESCUPIDE!

Velaí unha das pezas creadas en conxunto, adicada ó primeiro aniversario do Liceo Mutante e que foi proxectada dentro do programa de festexos do noso 27 de xullo:



E unhas fotiños do making of: