viernes, 3 de agosto de 2012

miércoles, 1 de agosto de 2012

Camisetas do Liceo Mutante

O pasado venres, coincidindo coa Festa I Aniversario, estreamos camisolas do Liceo Mutante. Os deseños son obra, por orde de aparición, de Natalia Umpiérrez e de Berto Fojo. 
O seu prezo é de 10€ e para conseguilas, de momento, teráste que pasar polo local do Liceo durante algunha das actividades (concertos, obradoiros, asembleas...). A nosa intención é non tardar moito en montar unha tendiña online para os que estades máis lonxe.



domingo, 29 de julio de 2012

Obradoiro Stop-Motion Mutante

Moi bos días a todos!
Estades diante doutra das extensións mutantes do Liceo, máis particularmente da que se ocupa da rama gráfico-plástica.
Pensaba facer un discurso de benvida, pero levo xa trinta minutos diante da pantalla escribindo e borrando frases que farían vomitar a unha cabuxa, así que o que vou facer é pasar a falar directamente do primeiro obradoiro organizado por esta nosa comisión e que se celebrou esta semana que ven de rematar.

O Obradoiro de Stop-Motion Mutante tiña como propósito unha achega ós fundamentos básicos desta tradicional técnica de animación. Para iso decidimos contar co tándem formado pola animadora e ilustradora Minia Regos e a fotógrafa Belén Veleiro, ás que agradecemos enormemente o seu esforzo e que deseñaron un curso baseado principalmente na experimentación, creando pequenas películas animadas coas distintas posibilidades que ofrece a técnica do cadro a cadro (pixilación, plastilina, recortes, xiz sobre parede, animación de obxectos varios...).

Quixeramos agradecer moi sinceramente ós alumnos tanto a súa participación como a súa positivísima actidude, as cales entendemos como un apoio a este tipo de propostas -non sempre fáciles de sacar adiante- e agardamos que poideran levar consigo unha experiencia positiva. Participaron Bene Riobó Villanueva, Juan Fernández Navazas, María López Chan, Natalia Fernández Umpiérrez, Ana Molares Frías, Andrea Gesteiro Otero e Denís Losada Pérez.

Por outra banda, necesitamos as vosas críticas para poder medrar desde a nosa inexperiencia, así que xa sabedes...
ESCUPIDE!

Velaí unha das pezas creadas en conxunto, adicada ó primeiro aniversario do Liceo Mutante e que foi proxectada dentro do programa de festexos do noso 27 de xullo:



E unhas fotiños do making of: